Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Boqueixón remata as melloras nos parques infantís das escolas unitarias de Lestedo e Camporrapado


Investiu case 58.000 euros de fondos propios con cargo ao Remanente de Tesourería

O Concello de Boqueixón vén de rematar as obras de mellora dos parques infantís das escolas unitarias de Lestedo e Camporrapado, nas que investiu case 58.000 euros. Uns cartos procedentes de fondos propios e que forman parte dunha modificación de crédito de case 930.000 euros con cargo ao Remanente de Tesourería.

As obras de mellora nos parques infantís de Lestedo e Camporrapado incluíron o cambio do solo de ambas as dúas instalacións por un pavimento de seguridade continuo de caucho para a protección fronte a posibles caídas, así como a posta a punto de varios dos xogos. Deste proxecto queda pendente o inicio da construción do novo parque infantil no campo da festa de Lestedo, atrasada debido á renuncia da empresa adxudicataria das obras.

Estas obras únense ao novo parque infantil cuberto do CRA de Sergude, realizado en 2022 e que supuxo un investimento de máis de 40.000 euros. Unha instalación coa que o Concello cumpría o seu compromiso de instalar cubertas en todos os parques infantís emprazados a carón das escolas unitarias. Así mesmo, o Concello que estes tres parques infantís son instalacións públicas, polo que están abertos ao seu uso polos nenos e nenas do municipio incluso fora do horario escolar.